Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Cerebro

Definición:

Órgano do corpo humano situado na parte superior da cabeza que, xunto coa medula espiñal, forma o sistema nervioso central humano. O cerebro está dividido en dous hemisferios: hemisferio dereito e hemisferio esquerdo, compostos á súa vez por catro lóbulos cada un. Suponse que as distintas funcións do corpo (movemento, sensacións, visión, audición, comprensión e produción lingüística, etc.) son controladas por diferentes áreas do cerebro e que, segundo vai crecendo o individuo, o control destas funcións vai pasando dunhas zonas a outras, o que se coñece como lateralidade. As áreas do cerebro relacionadas coas destrezas lingüísticas sitúanse na zona das fisuras sylviana e rolándica. A área de Broca, que recibe o seu nome do neurólogo francés Paul Broca, atópase situada na parte traseira inferior do lóbulo frontal e relaciónase coa articulación da fala. É a sección da cortiza cerebral responsable da expresión oral ou escrita en palabras e oracións comprensibles. Se resulta danada, o afectado entende todo o que lle din pero non pode expresarse con claridade ou de forma comprensible. A área de Wernicke, que recibe o seu nome do neurólogo alemán Karl Wernicke, está situada na parte traseira superior do lóbulo temporal e é responsable da comprensión, polo que esta zona se denomina tamén área sensorial. Nela localízase a interpretación ou memorización da información lingüística, dos conceptos escoitados ou lidos. As lesións cerebrais relacionadas coa lingua coñécense como afasias.

No relativo á relación entre cerebro e aprendizaxe de linguas, diversos estudos demostraron que nos nenos bilingües ou multilingües a área de Broca é lixeiramente máis grande, aínda que o seu procesamento da linguaxe non difire dun monolingüe. Sábese así mesmo que os aprendices de linguas en idades adultas utilizan para este fin áreas do cerebro que non serían usadas polas persoas monolingües, co fin de evitar a "sobrecarga".

O estudo dos mecanismos cerebrais que fan posible a linguaxe é o obxecto de estudo da neurolingüistica.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Lenneberg, E. 1967. Biological Foundations of Language. New York: Wiley and Sons.

Obler, L. K. & Gjerlow, K. 2001. El lenguaje y el cerebro. Madrid: Cambridge University Press.

Ullman, M. 2006. "Language and the brain". In Connor Linton, J. & Fasold, R. W. (Eds.), An Introduction to Language and Linguistics, Cambridge: Cambridge University Press, pp. 235-274.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Cerebro
Inglés: 
Brain
Francés: 
Cerveau
Alemán: 
Gehirn
Italiano: 
Cervello
Polaco: 
Mózg
Portugués: 
Cérebro
Ruso: 
Мозг
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/cerebro, con data de acceso 19/04/2024).