Vygotski, L. S. 1978. Mind in Society. Cambridge, MA: Harvard University Press.
Termo acuñado por Vygotski en estudos sobre psicoloxía evolutiva para denominar a distancia existente entre o nivel de desenvolvemento intelectual potencial e mailo nivel de desenvolvemento intelectual real dun neno. O nivel de desenvolvemento intelectual real (en inglés, level of actual development) é o grao de desenvolvemento da capacidade e funcións cognitivas que acada un individuo despois de pasar por certas etapas evolutivas anteriores. Pódese establecer mediante baterías de actividades ou tarefas de dificultade variada, e vén dado en función dos logros do neno de xeito individual, isto é, sen a axuda dun adulto ou doutro compañeiro de capacidades mentais máis avanzadas. Así pois, só aquelas actividades ou tarefas que o neno é quen de levar a cabo por si mesmo mediante o emprego de estratexias cognitivas propias amosan o seu nivel de desenvolvemento intelectual real (⇒ estratexia cognitiva). O nivel de desenvolvemento intelectual potencial (en inglés, level of potential development) tamén fai referencia ao grao de desenvolvemento das capacidades mentais, pero non en función dos logros de tipo individual, senón en canto ao emprego das mesmas para a resolución de problemas e a realización de actividades en colaboración cun adulto ou con outro neno intelectualmente máis desenvolvido.
O nivel de desenvolvemento intelectual real do escolar pode coincidir ou non coa súa idade cronolóxica. Así pois, pódese dar o caso dun neno cunha idade cronolóxica de 8 anos que teña un nivel de desenvolvemento intelectual real dun de 12, ou viceversa. Isto indica que nese suxeito se completou o proceso de maduración de certas capacidades ou funcións intelectuais que se poden corresponder coas propias da súa idade cronolóxica ou non. Tomando isto como punto de referencia, na zona de desenvolvemento próximo atópanse aquelas capacidades ou funcións en proceso de maduración que aínda precisan dun certo tempo para desenvolverse completamente.
Vygotski, nas súas teorías acerca do desenvolvemento e a aprendizaxe infantil, insiste na importancia da interacción con outros individuos, especialmente con adultos, nos procesos da formación intelectual do neno.
Bibliografía: Vygotski, 1978, 1979.
Vygotski, L. S. 1979. Thought and Language. Cambridge, MA; London: MIT Press, 1989.