Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Programa para a formación especializada do exército

Definición:

programa de ensino destinado ao persoal militar e desenvolvido a partir de 1942 por universidades americanas a petición do goberno, con motivo da entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. O seu obxectivo era que os alumnos adquirisen coñecementos especializados en diversos campos científicos e técnicos (enxeñería, química, etc.), así como un dominio de varias linguas estranxeiras (alemán, francés, italiano, chinés, xaponés, etc.) a nivel de conversa. Para o ensino de linguas adoptouse o sistema de aprendizaxe coñecido como método do informante, unha técnica que fora desenvolvida por Bloomfield e outros lingüistas para que os investigadores puidesen aprender as linguas que estudaban. O método baseábase no contacto oral coa lingua obxecto de estudo e no ensino intensivo. Non se empregaban libros de texto, e recorríase a un falante nativo, o informante, que proporcionaba vocabulario e oracións para imitar, e a un lingüista que, sen necesidade de coñecer a lingua, estaba adestrado para obter do informante as estruturas básicas e para supervisar o proceso de aprendizaxe. Deste xeito, estudantes e lingüista aprendían os puntos básicos da gramática da lingua e participaban en conversacións guiadas. Os cursos de aprendizaxe tiñan unha duración de seis semanas, nas que se dedicaban dez horas diarias ao estudo (actividades individuais e exercicios de repetición cos falantes nativos), seis días por semana. O exército empregou este método con grupos reducidos de adultos moi motivados, obtendo excelentes resultados nos dous anos que durou a súa posta en práctica. Nos anos seguintes, o que se deu en chamar método do exército sería obxecto de debate, estudándose a posibilidade de aplicalo ao ensino convencional de idiomas. A pesar de carecer dunha teoría metodolóxica desenvolvida, o enfoque oral e intensivo proposto polo método do exército recoñeceuse como unha interesante achega ao ensino de linguas estranxeiras.

Bibliografía: 

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Programa para la formación especializada del ejército
Inglés: 
Army Specialized Training Program (ASTP)
Francés: 
Programme pour la formation spécialisée de l'armée
Alemán: 
Armee-Ausbildungsprogramm
Italiano: 
Programma per la fomazione specializzata dell'esercito
Portugués: 
Programa para a formação especializada do exército
Ruso: 
Армейская программа специальной подготовки
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/programa-formacion-especializada-exercito, con data de acceso 10/12/2024).