As siglas PALE corresponden á expresión “Programa de apoio ao ensino e aprendizaxe de linguas estranxeiras”. O PALE é un programa promovido polo Ministerio de Educación e Ciencia en colaboración coas Consellerías de Educación das diferentes comunidades autónomas, e que ten o obxectivo de potenciar a formación lingüística e docente do profesorado de educación infantil, primaria e secundaria para o ensino de linguas estranxeiras. As convocatorias para participar neste programa son de carácter anual, e están dirixidas particularmente ao profesorado de educación primaria especialista na lingua estranxeira, ao profesorado de educación infantil que participe na implantación do ensino da lingua estranxeira nesa etapa, e ao profesorado de educación primaria e secundaria non especialista que participe en programas de educación bilingüe. O itinerario de formación dos docentes seleccionados para formar parte do programa abrangue tres fases, cunha carga lectiva de 200 horas: unha primeira fase de formación lingüística intensiva para mellorar o nivel de competencia, unha segunda fase de inmersión nun país de fala estranxeira, e unha terceira fase de consolidación e aplicación do aprendido por medio de experiencias de posta en común e traballo cooperativo con outros docentes.
Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
Programa PALE
Definición:
Entrada anterior / seguinte:
Como citar esta páxina
Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/programa-pale, con data de acceso 15/09/2024).