Martínez Artero, M. R. 1986. Tests de razonamiento, aptitud espacial y aptitud verbal: ejercicios resueltos. Murcia: Librería González-Palencia.
Unha proba de aptitude serve para avaliar habilidades ou competencias de tipo laboral ou académico, e permite medir como o destinatario podería realizar determinadas tarefas ou reaccionar ante certas situacións. Existen distintos tipos de probas de aptitude, deseñadas para avaliar diferentes tipos de razoamento (numérico, verbal, indutivo, espacial, mecánico ou abstracto), así como habilidades lingüísticas e de pensamento. Entre as probas de aptitude relacionadas co uso da lingua pódense citar as seguintes:
a) Probas de vocabulario: trátase de probas de avaliación psicométrica (isto é, obxectiva, estandarizada e válida) que proporcionan información sobre a cantidade de vocabulario que pode manexar o destinatario. Poden consistir, por exemplo, en preguntas de elección múltiple sobre sinónimos, antónimos, definicións ou frases incompletas, como as mostradas a continuación:
Indique o sinónimo desta palabra: ANIQUILAR
a) alugar b) destruír e) fabricar d) ferir
Resposta: b
Ao retrato ridículo dunha persoa chámaselle:
a) caricatura b) parodia c) agudeza d) golpe
Resposta: a
No momento da consagración, o sacerdote colleu o ............ nas súas mans.
a) bastón b) cáliz c) libro d) sagrario
Resposta: b
b) Probas de analoxías verbais: son probas de aptitude lingüística, tamén de avaliación psicométrica, que miden a agudeza verbal e a capacidade para relacionar ideas e expresarse con fluidez. As analoías verbais están formadas por dous pares de palabras, cada par relacionado entre si. Proporciónase un dos pares e unha palabra do outro, e o destinatario ha de elixir a segunda palabra entre varias opcións de resposta, de maneira que a conexión desa segunda palabra co seu par sexa a mesma que a existente entre as palabras do primeiro par. Por exemplo:
(_________) : Cantar :: Orador : Falar
Opcións de resposta: a) Himno b) Trobador c) Calipso d) Gravadora e) Micrófono
Resposta correcta: b
c) Probas de razoamento verbal: estas probas serven para avaliar a capacidade para comprender textos escritos e extraer conclusións. Poden consistir, por exemplo, nun texto con preguntas de verdadeiro-falso (que inclúen unha terceira opción: non se pode determinar), ou preguntas de elección múltiple. As probas de razoamento verbal forman parte das probas de aptitude académica (probas de admisión) que se realizan para acceder a algunhas universidades, e que adoitan medir ademais o razoamento lóxico-matemático, o pensamento crítico e a capacidade de resolución de problemas dos candidatos.
Tanto as probas de vocabulario como as de analoxías verbais e de razoamento verbal poden empregarse no ámbito do ensino de linguas para a avaliación e o ensino do vocabulario da lingua materna, da segunda lingua ou da lingua estranxeira, e as probas de razoamento verbal pódense utilizar para a práctica ou avaliación da destreza de comprensión escrita.
Montejo, H. B. & Jamon, B. E. V. 2018. “Verbal Comprehension and Verbal Reasoning of Graduated Senior High School Students. Critical Success Factors in College”. TESOL International Journal 13/4: 55-66.
Trassi, A. P., Oliveira, K. L. de & Inácio, A. L. M. 2019. “Reading Comprehension, Learning Strategies and verbal reasoning: Possible Relationships”. Psico-USF 24/4: 615-624.