Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Planificación lingüística

Definición:

Disciplina que se adoita considerar dentro do ámbito da lingüística aplicada ou da socioloxía da linguaxe aplicada ao ensino e que responde a accións xeralmente promovidas desde as institucións públicas que van encamiñadas a solucionar problemas derivados da situación lingüística nun territorio concreto. Os encargados de realizar a planificación deciden que lingua ou linguas se van ensinar e cantas horas lles poden asignar nos plans curriculares. Poden, deste xeito, deseñar o tipo de educación lingüística dunha determinada comunidade. Nuns casos a intervención afecta a algún aspecto dunha lingua como, por exemplo, cando consiste na elaboración dun sistema ortográfico, a expansión do vocabulario nunha área temática determinada ou a selección dunha das variedades para a súa codificación por medio dunha gramática. Fálase entón de planificación do corpus ou normativización. Noutros casos é o status dunha lingua con respecto a outras o que sofre modificacións como, por exemplo, cando se selecciona unha das linguas dunha comunidade de fala plurilingüe para a función de lingua oficial ou se fomenta o seu uso en ámbitos nos que previamente non era utilizada. Este tipo coñécese como planificación do status ou normalización. Como casos ilustrativos poden citarse os do galego, o éuscaro, o valenciano e o catalán no Estado español, que foron obxecto ao longo das dúas últimas décadas dun proceso de planificación, aínda en marcha, consistente, sobre todo, na selección e codificación dunha norma (normativización) e no fomento do seu emprego en todos os ámbitos posibles (normalización).

Bibliografía: 

Fasold, R. 1984. The Sociolinguistics of Society. Oxford: Blackwell.

Lamuela, X. & Monteagudo, H. 1996. “Planificación lingüística”, en Fernández Pérez, M. (ed.). Avances en Lingüística Aplicada. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago, pp. 229-301.

Moreno Fernández, F. 1994. “Aportes de la sociolingüística a la enseñanza de lenguas”. REALE 1: 107-135.

Wardhaugh, R. 1986. An Introduction to Sociolinguistics. Oxford: Blackwell, 1992.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Planificación lingüística
Inglés: 
Language planning
Francés: 
Planification linguistique
Alemán: 
Sprachenpolitik
Italiano: 
Pianificazione linguistica
Polaco: 
Planowanie językowe
Portugués: 
Planificação linguística
Ruso: 
Языковое планирование
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/planificacion-linguistica, con data de acceso 15/09/2024).