Fasold, R. 1984. The Sociolinguistics of Society. Oxford: Blackwell.
Aquela que é recoñecida explicitamente como tal polas institucións dun país e se emprega de feito oralmente e por escrito nas transaccións oficiais de ámbito nacional, entre as que se inclúen as tarefas administrativas, a emisión de informes oficiais, a edición de formularios, a promulgación de leis, etc. Así, por exemplo, o francés é a lingua oficial de Francia e o castelán de España, aínda que neste último país o status de oficialidade é compartido no caso dalgunhas comunidades autónomas con outras linguas empregadas en determinados territorios (galego, eúscaro, valenciano e catalán), tal como recollen a Constitución Española e os respectivos Estatutos de Autonomía. Neste caso estas linguas considéranse como linguas cooficiais. Cabe tamén a posibilidade de que a lingua empregada para as funcións oficiais non sexa, a pesar de todo, recoñecida como lingua oficial nas leis dun país, como é o caso, por exemplo, do inglés nos Estados Unidos.