Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Morte dunha lingua

Definición:

Unha lingua pode considerarse como morta cando deixan de existir falantes con competencia suficiente para empregala como instrumento de comunicación normal. A perda de falantes pode ser consecuencia de catástrofes naturais, epidemias ou guerras que afecten á supervivencia da comunidade lingüística no seu conxunto, ou pola presión doutra lingua, ou ata pode vir dada polo feito de que os propios falantes deixen de transmitir a súa lingua materna á xeración seguinte e abandonen progresivamente o seu uso, substituíndoa pola lingua dun grupo dominante. A morte adoita ser o resultado final dun proceso, máis ou menos paulatino, no que os falantes deixan de ter actitudes positivas cara á súa propia lingua e emprégana nunha serie cada vez máis restrinxida de ámbitos de uso.

Entre os efectos que este progresivo abandono ten sobre a estrutura lingüística, poden mencionarse a redución léxica e a consecuente relexificación (palabras da lingua ameazada son substituídas por vocábulos da lingua dominante), a simplificación morfolóxica, a redución do número de variantes estilísticas, etc.

De acordo coas estimacións de moitos expertos, máis da metade das aproximadamente 6.000 linguas vivas existentes na actualidade están condenadas a desaparecer ao longo do presente século, xa que posúen un número de falantes demasiado reducido (inferior a 10.000) para resistir a forte presión derivada das tendencias globalizadoras e homoxeneizadoras do mundo moderno. Dada a enorme magnitude do problema, organizacións de ámbito internacional como a UNESCO ou a Fundación para as Linguas Ameazadas (constituída en 1995) emprenderon nos últimos anos unha intensa campaña de concienciación dirixida a individuos, institucións e gobernos co fin de deter unha perda irreparable para a humanidade.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Crystal, D. 2000. Language Death. Cambridge: Cambridge University Press.

Dorian, N. C. 1989. (ed.) Investigating Obsolescence: Studies in Language Contraction and Death. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Muerte de una lengua
Inglés: 
Language death
Francés: 
Mort d’une langue
Alemán: 
Sprachtod
Italiano: 
Attrito / logoramento linguistico
Polaco: 
Śmierć języka
Portugués: 
Morte da língua
Ruso: 
Смерть языка
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/morte-lingua, con data de acceso 28/03/2024).