Bisquerra Alzina, R. 1989. Métodos de investigación educativa. Guía práctica. Barcelona: CEAC.
En estatística, denomínase así a un grupo de individuos seleccionados para representar a unha poboación, especialmente cando esta é demasiado ampla para ser estudada na súa totalidade. Unha mostra que inclúe unha boa representación da poboación coa que se realiza a investigación denomínase mostra representativa, e en caso contrario recibe o nome de mostra sesgada ou viciada. Para que resulte válida, isto é, para que as observacións que se extraen da súa análise sexan aplicables á poboación total, debe procurarse que a mostra sexa aleatoria, é dicir, que todos os individuos da poboación teñan as mesmas oportunidades de ser seleccionados. Unha variante da aleatoria é a chamada mostra sistemática ou semialeatoria: nela numérase a poboación e, tras seleccionar o primeiro membro ao chou, tómase o resto a intervalos regulares (por exemplo, un de cada cinco individuos dunha poboación de 500). Este tipo de mostra será representativa se as propiedades dos membros non tenden a recorrer a intervalos regulares. Un subtipo de mostra semialeatoria é a mostra de bloque (en inglés block/area sampling), na que o primeiro membro se selecciona ao chou e a partir del tómase un número X de individuos. Por exemplo, para conformar un grupo de 500 suxeitos dunha poboación de 1.000 empézase no número 135 (seleccionado mediante unha táboa aleatoria) e a partir del tómanse 500 individuos (os numerados desde o 135 ao 635 inclusive). Unha mostra deste tipo corre o risco de non ser representativa.
Cando os membros dunha poboación pertencen a grupos diferentes (por exemplo, de distinta idade ou sexo) pódese obter unha mostra estratificada, que resultaría dunha selección realizada en cada un dos grupos tendo en conta a súa proporción dentro do conxunto da poboación. Existen outros tipos de mostras, como a de bóla de neve, na que a selección duns membros conduce á selección doutros, ou a de casos extremos, que consta de exemplos especiais ou excepcionais que resultan ilustrativos para un estudo. Finalmente, é posible realizar a selección nunha soa etapa ou en varias; no segundo caso (mostra por etapas ou polietápica), a mostra que se selecciona ao principio convértese en poboación para a selección na seguinte etapa.
Eddington, D. 2015. Statistics for Linguists: a Step-by-Step Guide for Novices. Newcastle upon Tyne: Cambridge Scholars Publishing.
Henry, G. T. 1990. Practical Sampling. Applied Social Research Methods Series, Vol. 21. Thousand Oaks, Cal.: Sage Publications.
Nortes Checa, A. 1991. Estadística teórica y aplicada. Barcelona: DM/PPU.