MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1991. El Sistema Educativo Español. Madrid: CIDE-MEC.
A organización docente do conxunto de profesores dun centro na meirande parte dos países da nosa contorna ten a súa base no departamento –tamén denominado seminario– que concentra aos especialistas de cada área de coñecemento que se imparta no mesmo. Exemplos diso serían os de Matemáticas e Ciencias da Natureza, Lingua e Literatura Galegas, Educación Física, etc.
As funcións específicas dos departamentos difiren segundo o tipo de institución no que se encadren e, polo tanto, o nivel de ensino ao que se dedican os seus membros. No básico coinciden en cuestións como a elaboración da programación do curso con especificacións sobre os obxectivos, contidos, materiais recomendados, criterios de avaliación e de recuperación. En xeral, funcionan como un pequeno equipo docente que, dirixido por unha persoa que exerce a coordinación, dirección de departamento ou xefatura de seminario, reflexiona sobre a súa actividade, propón melloras metodolóxicas e deseña materiais ou actividades pedagóxicas para os estudantes.