Appel, R. & Muysken, P. 1987. Language Contact and Bilingualism. London: Edward Arnold.
Conxunto de trazos característicos da pronuncia non nativa que xeralmente son resultado da interferencia da lingua materna. O grao en que estes trazos se manifestan na pronuncia da segunda lingua dun falante adoita estar relacionado coa idade á que esta se aprendeu; así, por exemplo, os galegofalantes que aprenden inglés como segunda lingua unha vez traspasado o período crítico entre os 9 e os 14 anos raramente poden reproducir con total exactitude a aspiración das oclusivas xordas iniciais característica das variedades estándar de inglés, as vogais nasalizadas do francés ou a fricativa palatal xorda do alemán (por exemplo, no pronome ich) e tenden a substituír estes sons por outros similares propios do galego. A idade de adquisición non é, con todo, o único factor. Outros, como o acceso a un modelo nativo auténtico (a miúdo os profesores de lingua estranxeira non son falantes nativos), e, sobre todo, a motivación para adoptalo desempeñan un papel importante.
Para as comunidades de inmigrantes dunha mesma procedencia que se foron establecendo en países como Estados Unidos, Gran Bretaña, Alemaña ou Francia, o acento estranxeiro pode converterse nun trazo que contribúe a manter a cohesión do grupo, polo menos para a primeira xeración.
Gass, S. y Selinker, L. 2001. Second Language Acquistion: An Introductory Course. Hillsdale, H. J.; Hove: Lawrence Erlbaum Associates. 2nd edition.