Area, M., Sannicolás, M. B. & Borrás, J. F. 2014. “Webinar como estrategia de formación online: descripción y análisis de una experiencia". RELATEC: Revista Latinoamericana de Tecnología Educativa 13/1: 11-23.
Un seminario en liña ou virtual, ou “webinario” (do inglés webinar: web e seminar), é un seminario, obradoiro ou conferencia que se imparte a través de Internet en tempo real. Do mesmo xeito que sucedería nun seminario presencial, o conferenciante diríxese en directo á audiencia, e os participantes poden interactuar, facendo preguntas ou comentarios, ou escoitando o que din outros participantes. Dependendo das plataformas que os sustenten, tamén é posible para os asistentes comunicarse entre eles mediante chats, ou falar e ser vistos empregando un micrófono e unha cámara. A primeira emisión é en directo, aínda que pode gravarse e volverse a emitir con posterioridade. A participación realízase a través de calquera computador conectado a Internet, no cal se instalou un software específico ou no que se introduza unha clave de acceso para permitir a conexión coa aplicación do conferenciante. Os seminarios en liña poden empregarse como ferramentas educativas para a formación a distancia, xa que grazas a estas videoconferencias en vivo os docentes poden impartir clases interactivas de forma virtual, e tamén poden utilizarse para a formación do propio profesorado.
As plataformas online que permiten realizar este tipo de actividades virtuais (por exemplo, programas de videomensaxería como Skype, Zoom ou Microsoft Teams) son ferramentas con moitas posibilidades para a aprendizaxe de linguas, xa que a través delas créanse espazos para que profesorado e alumnado se poñan en contacto en sesións individuais ou colectivas que fomentan os intercambios lingüísticos, se poidan intercambiar documentos, poñendo ao alumnado no centro do proceso de ensino-aprendizaxe. Estas ferramentas permiten ademais os intercambios lingüísticos entre pares (por exemplo, dúas persoas interesadas en aprender cada unha a lingua da outra), os cales favorecen o desenvolvemento das destrezas comunicativas orais e o compoñente sociocultural.
Verma, A. & Singh, A. 2010. “Webinar – Education Through Digital Collaboration”. Journal of Emergent Technologies in Web Intelligence 2/2: 131-136.