Cook, V. J. 2001. Second Language Learning and Language Teaching. London: Edward Arnold.
Modelo ou teoría de segundas linguas definido por Cook (2001). Defende a idea de que a persoa que fala máis dunha lingua debe ser considerada por si mesma, e non como un falante monolingüe que asumiu outra lingua dentro do seu repertorio lingüístico. Derívase de aí o concepto de competencia múltiple, que implica o coñecemento de dúas ou máis linguas por parte do mesmo individuo.
De acordo con esta teoría, a L1 do alumno e máis a súa interlinguaxe constitúen un todo, é dicir, son facetas propias da persoa, polo que non deben ser consideradas como sistemas independentes. Dúas son as principais implicacións deste modelo para o ensino de segundas linguas:
- os profesores deben tratar de crear falantes da L2 realmente competentes no uso da segunda lingua e non imitadores dos falantes nativos; os alumnos deben ser considerados como persoas que poden funcionar perfectamente en dúas culturas distintas; e,
- débese facer un uso sistemático da L1 na aula.
Non hai motivos para rexeitar o emprego da L1 na clase; a L1 e L2 deben utilizarse de xeito ordenado e consciente.