Betancur-Chicué, V. & García-Valcárcel Muñoz-Repiso, A. 2023. "Características del diseño de estrategias de microaprendizaje en escenarios educativos: revisión sistemática". RIED-Revista Iberoamericana de Educación a Distancia 26/1: 201-222.
A microaprendizaxe é unha estratexia educativa que consiste en presentar contido en pequenas unidades ou “pílulas formativas”, breves e de fácil asimilación. Estas unidades están deseñadas para ser consumidas rapidamente, e céntranse nun único obxectivo de aprendizaxe ou dunha habilidade específica. A súa principal vantaxe radica na súa accesibilidade e flexibilidade, xa que permiten aos estudantes integrar o estudo nas súas rutinas diarias, aproveitando momentos curtos para aprender e reforzar os seus coñecementos.
Aplicado ao ensino de linguas, a microaprendizaxe materialízase en sesións de estudo moi curtas, que van de 3 a 10 minutos, enfocadas nun elemento lingüístico concreto a través de audios e textos breves, imaxes interactivas, vídeos, ou pequenos xogos ou exercicios. Pódese traballar a aprendizaxe dunhas poucas palabras de vocabulario, unha regra gramatical específica, unha expresión idiomática, ou a práctica da pronunciación dun son particular, facilitando así unha aprendizaxe flexible, incremental e eficiente. Algúns exemplos son aplicacións como Duolingo (que ofrece leccións curtas e gamificadas que se enfocan en vocabulario e gramática a través de exercicios interactivos diarios) ou Drops (especializada na aprendizaxe de vocabulario a través de xogos visuais rápidos e sesións de só cinco minutos), vídeos breves explicando unha diferenza gramatical (por exemplo, a diferenza entre os verbos “ser” e “estar” en español), pódcasts curtos con diálogos específicos (tales como un diálogo sobre como pedir un café en francés), ou tarxetas con debuxos dixitais para conxugar verbos (por exemplo, un verbo irregular en alemán).
Cervantes-Gutiérrez, A., Cáceres-Mesa, M. L. & González-Esquivel, M. G. 2025. "Herramientas de microlearning para mejorar el aprendizaje de inglés en Educación Media Superior desde la perspectiva docente". Revista Metropolitana de Ciencias Aplicadas 8/2: 274-284.
Salinas, J. & Marín, V. I. 2014. "Pasado, presente y futuro del microlearning como estrategia para el desarrollo profesional". Campus Virtuales 3/2: 46-62.