Adam, J. M. 1990. Éléments de linguistique textuelle. Théorie et pratique de l’analyse textuelle. Liège: Mardaga.
En análise do discurso, nivel de estruturación supraoracional dun texto, tamén denominado plano global. A macroestrutura textual fai referencia ao tema ou sentido conxunto dun texto (por exemplo, un roubo ou un naufraxio), e compleméntase coa superestrutura textual, que se refire á forma ou esquema en que se organiza a información transmitida nese texto (por exemplo, a partir dun escenario con tempo, lugar e personaxes, unha sucesión de episodios de acción e reacción cun desenlace). Se no plano global se estuda como se produce e interpreta un texto no seu conxunto, o plano local concéntrase na chamada microestrutura textual, analizando os elementos que estruturan un texto no nivel oracional: así, por exemplo, pódense estudar características fónicas, ortográficas, gramaticais e léxicas, os actos de fala que conforman o texto, ou como se articulan as oracións en tema e rema. O primeiro en utilizar os termos macroestrutura, superestrutura e microestrutura como parte da súa teoría sobre a estruturación dos textos foi o lingüista holandés Van Dijk, aínda que posteriormente se propuxeron outros modelos teóricos, como o de planos e subplanos de Adam (1990), ou a división en módulos de Roulet (1991), que analiza o discurso oral.
No ensino de linguas é importante prestar atención aos dous planos de organización textual, sendo necesario tratar ambos os dous para asegurar a adecuada comprensión e produción de textos orais e escritos. Cando un texto posúe macroestrutura, as oracións que o integran organízanse harmonicamente, e coñecer os mecanismos que permiten construír textos coherentes e identificar o seu sentido global é unha parte fundamental da competencia lingüística.
Roulet, E. 1991. “Vers une approche modulaire de l’analyse du discours”. Cahiers de Linguistique Française 12: 53-81.
Van Dijk, T. A. 1977. Texto y contexto. Semántica y pragmática del discurso. Madrid: Cátedra, 1980.
Van Dijk, T. A. 1980. Macrostructures. An Interdisciplinary Study of Global Structures in Discourse. Cognitions and Interaction. Hillsdale, NJ: Lawrence Erlbaum.