Bygate, M., Tonkyn, A. & Williams, E. 1994. Grammar and the Language Teacher. Hemel Hempstead: Prentice Hall International.
Tipo de análise e descrición gramatical especialmente concibidas e dirixidas ao alumno que está aprendendo unha lingua estranxeira. Así, por exemplo, distínguese entre gramáticas de corte descritivo, poñamos por caso en lingua inglesa A Comprehensive Grammar of English de Quirk et al. (1985), e aquelas con fins didácticas como a Essential Grammar in Use de Murphy (1997). De acordo con Odlin (1994), unha gramática de carácter pedagóxico destaca pola súa natureza híbrida, pois combina aspectos prescritivos con outros descritivos ao mesmo tempo que considera a aprendizaxe da gramática como un proceso que o alumno vai asimilando aos poucos e que responde a principios ou regras axiomáticas. A maioría das gramáticas pedagóxicas están baseadas nunha teoría ou paradigma lingüístico determinado (funcional, transformacional, sistémico, estrutural) e adoitan incidir de xeito especial naqueles puntos ou áreas de maior dificultade para o alumnado da lingua estranxeira en cuestión. Por outra banda, é importante sinalar que unha boa parte das gramáticas pedagóxicas modernas inclúen exercicios ou actividades ao final de cada unidade co fin de que os estudantes comproben o grao de comprensión do xa estudado.
Odlin, T. 1994. Perspectives on Pedagogical Grammar. Cambridge: Cambridge University Press.