Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Colocación

Definición:

As colocacións son combinacións de palabras frecuentes, recorrentes e semifixas, por exemplo, as que forman revogar e lei ou amarga e derrota. Este carácter recorrente e restritivo da relación é o que as distingue doutras combinacións léxicas "libres": a diferenza de revogar e lei, revisar e lei non constitúen unha colocación. Igualmente, a diferenza doutras combinacións fraseolóxicas como son as locucións idiomáticas (idioms, en inglés), como ser (unha persoa) de lei, os compoñentes dunha colocación manteñen o seu valor intrínseco primario, mostrando una certa “transparencia semántica”. Na lingüística anglosaxoa, onde ten a súa orixe, o termo remóntase aos traballos de J. R. Firth, nos anos 50 do século pasado. O estudo das colocacións recibiu un forte impulso propiciado polo desenvolvemento da Lingüística de corpus, cuxos traballos neste ámbito repercutiron notablemente, entre outros, na mellora dos dicionarios destinados a aprendentes de linguas, que conteñen abundante información sobre as posibilidades combinatorias das palabras. Unha colocación está formada por dous colocativos, unha base (lei) e un colocado (revogar, promulgar), onde a primeira determina a natureza do segundo, de aí o carácter idiomático da combinación. As colocacións poden ser de dous tipos, gramaticais e léxicas. As gramaticais están formadas por unha palabra léxica, fundamentalmente un verbo, un substantivo ou un adxectivo e a preposición ou tipo de cláusula que lle segue; por exemplo, falar “rexe” e, por tanto, ten como posibles colocativos as preposicións de (algo) ou con (alguén). As colocacións léxicas, pola súa banda, están formadas por dúas palabras léxicas: verbo + substantivo (conseguir un obxectivo), substantivo + adxectivo (inmenso pracer), substantivo + substantivo (banco de peixes), adverbio + adxectivo (profundamente durmido) ou verbo + adverbio (falar seriamente).

As colocacións son centrais na aprendizaxe dunha lingua estranxeira e o grao de dominio das mesmas que demostra o aprendente constitúe un bo indicio do seu coñecemento da lingua estranxeira. O principal escollo que expoñen á aprendizaxe deriva da arbitrariedade deste tipo de combinacións léxicas e, por tanto, da súa imprevisibilidade: por exemplo, en galego dicimos prestar atención, pero non *dar atención, a pesar de que dita combinación podería ser perfectamente posible. Outro problema importante derivado desta arbitrariedade é que as colocacións varían dunha lingua a outra (gl. prestar atención, ingl. pay attention, fr. faire attention ou gl. aprobar un exame, ingl. pass an exam, fr. réussir un examen), o que dá lugar a calcos incorrectos. Por tanto, fronte a colocacións non problemáticas para o aprendente, por coincidir nas dúas linguas (gl. correr un risco, ingl. run a risk), outras adoitan dar lugar a erros habituais (gl. cometer un erro, ingl. *commit a mistake). As colocacións non se adquiren automaticamente coa aprendizaxe do vocabulario e deben ser obxecto dun tratamento específico no ensino. En canto aos contidos da aprendizaxe e a súa secuenciación, debe terse en conta que 1) as colocacións que deben estudarse nun curso de nivel básico non poden ser as mesmas que as dun curso avanzado e 2), dado que os problemas dos aprendentes a miúdo son motivados pola interferencia da súa propia lingua materna, é lóxico dar prioridade na aprendizaxe a aquelas colocacións que máis difiren entre os dous idiomas. Desde o punto de vista metodolóxico, os especialistas falan de tres fases na ensino-aprendizaxe das colocacións: 1) concienciación da súa existencia e importancia, 2) memorización e 3) repaso ou uso activo. A abordaxe adecuada do ensino preciso traballar todas elas na aula a través de actividades específicas.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bahns, J. 1993. "Lexical collocations: A contrastive view". ELT Journal 47/1: 56-63.

Boers, F. & Webb, S. 2018. "Teaching and learning collocation in adult second and foreign language learning". Language Teaching 51/1: 77-89.

Carter, R. & McCarthy, M. 1988. Vocabulary and Language Teaching. London: Longman.

Corpas Pastor, G. 1997. Manual de fraseología española. Madrid: Gredos.

Jiménez, M. D. L. 2017. "Colocaciones léxicas: estudio comparativo de libros de texto de inglés y de español como L2". ODISEA. Revista de estudios ingleses 14: 101-120.

Nattinger, J. R. & DeCarrico, J. S. 1992. Lexical phrases and language teaching. Oxford: Oxford University Press.

Nesselhauf, N. 2003. "The use of collocations by advanced learners of English and some implications for teaching". Applied Linguistics 24/2: 223–242.

Vasiljevic, Z. 2014. "Teaching collocations in a second language: Why, what and how?" ELTA Journal 2/2: 48-73.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Colocación
Inglés: 
Collocation
Francés: 
Collocation
Alemán: 
Kollocation
Italiano: 
Collocazione
Portugués: 
Colocação
Ruso: 
Словосочетание
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/colocacion, con data de acceso 09/10/2024).