Maulida, L. 2018. “The Implementation of Tongue Twisters to Improve the Students’ Ability to Pronounce Fricative Consonants and Long Vowels.” Journal of English Teaching and Learning Issues 1/1: 111-130.
Un trabalinguas é un conxunto de palabras que resulta difícil de pronunciar debido á sucesión de sons similares. Por exemplo, en galego: “Se vou a Bueu nun bou vou. Se non vou a Bueu nun bou non vou" ou “Unha pega merga, reborderga, gorda, rebirigorda, acotobelada e xorda cría pegos mergos, rebordergos, gordos, rebirigordos, acotobelados e xordos. Se non criase pegos mergos, rebordergos, gordos, rebirigordos, acotobelados e xordos non sería unha pega merga, reborderga, gorda, rebirigorda, acotobelada e xorda”.
Na creación dos trabalinguas adóitase recorrer á rima e á aliteración (figura retórica que consiste na repetición consecutiva dun mesmo fonema ou fonemas similares, consonánticos ou vocálicos, nunha oración ou verso).
Os trabalinguas son xogos de palabras que contribúen a exercitar o aparello fonador e desenvolver unha dicción áxil, polo que son ferramentas útiles nas etapas iniciais da formación educativa e tamén en terapia da linguaxe, debido a que obrigan á repetición continua de certos sons. Tamén se poden empregar na aprendizaxe de linguas como unha actividade de quecemento antes da práctica da expresión oral, así como no ensino da pronuncia de linguas estranxeiras co fin de practicar sons difíciles na lingua meta. Velaquí algúns exemplos de trabalinguas populares en diferentes linguas: en inglés,“She sells sea shells on the sea shore” (“Ela vende cunchas de mar na beira do mar”), “Peter Piper picked a peck of pickled peppers. Where's the peck of pickled peppers Peter Piper picked?” (“Peter Piper recolleu un montón de pementos encurtidos. Onde está o montón de pementos encurtidos que recolleu Peter Piper?”), ou “Fresh fried fish, fish fresh fried, fried fish fresh, fish fried fresh” (“pescado fritido fresco, pescado recén fritido, pescado fritido e fresco, pescado frito cando está fresco”); en francés, “Un chasseur sachant chasser sans son chien, est un bon chasseur” (“Un cazador que sabe cazar en o seu can é un bo cazador”), “Si six scies scient six cyprès, six cent six scies scient six cent six cyprès” (”Se seis serras serraron seis cipreses, seiscentas seis serras serraron seiscentos seis cipreses), “Tata, ta tarte tatin tenta Tonton; Tonton tâta ta tarte tatin, Tata” (“Tata, a túa tarta tatin tentou ao tío; o tío probou a túa tarta tatin, tata”); en alemán, “Kleine Kinder können keine kleinen Kirschkerne knacken. Kleine Kirschkerne können kleine Kinder keine knacken” (“Os nenos pequenos non poden partir os ósos pequenos de cereixa. Os pequenos ósos de cereixa non poden ser partidos polos nenos pequenos”), “Sechs Schweizer Schwertschweißer schweißen schwitzend sechs Schweizer Schwerter” (“Seis soldadores de espadas suízos soldan seis espadas suízas”), ou “Blaukraut bleibt Blaukraut und Brautkleid bleibt Brautkleid. Brautkleid bleibt Brautkleid und Blaukraut bleibt Blaukraut” (“Unha col é unha col e un vestido de noiva é un vestido de noiva. Un vestido de noiva é un vestido de noiva e unha col é unha col”).
O alumnado pode lelos en voz alta cada vez máis rápido e varias veces seguidas, comparalos con trabalinguas existentes na súa propia lingua, e tamén pode crear os seus propios trabalinguas para compartilos cos seus compañeiros, por exemplo, a partir dun esquema xeral ( Who? Did what? Where? When? Why?) e un exemplo na lingua meta (“Tim took ten tons of tin in Turkey on Tuesday because he tipped the tipsy tinker”: Tim levou dez toneladas de folla de lata en Turquía o martes porque lle deu unha propina ao enchispado follalateiro”).
A introdución de trabalinguas na aula de linguas estranxeiras contribúe ademais ao ensino dos contidos culturais sobre os países onde se fala a lingua meta, ao formar moitos deles parte do folclore dos pobos, do mesmo xeito que os refráns ou as adiviñas.
Prošić-Santovac, D. 2009. “The Use of Tongue Twisters in EFL Teaching.” Annual Review of the Faculty of Philosophy. Novi Sad 34: 159-169.
Suárez Moreno, B. 2003. “La enseñanza del italiano en el área del canto: la explotación didáctica del trabalenguas”, en González Martín, S. (ed). La filología italiana ante el nuevo milenio. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca, pp. 621-635.