Celce-Murcia, M.; Brinton, D. M. & Goodwin, J. M. 2010. Teaching Pronunciation. A Course Book and Reference Guide. New York: Cambridge University Press. 2nd edition.
Referido a elementos fónicos, un trazo suprasegmental ou prosódico é unha característica que afecta a unidades superiores ao plano segmental (isto é, fonemas vocálicos e consoánticos), tales como a sílaba, a palabra ou a oración. Os elementos suprasegmentais son un dos aspectos da lingua oral cuxo aprendizaxe comporta maior dificultade, sendo tanto ou máis relevantes que os segmentais, xa que a comprensión pode verse afectada, por exemplo, polo desprazamento do acento, a incorrecta entoación, ou unha pausa inadecuada. Os tres aspectos prosódicos que máis influencia teñen na pronuncia correcta dunha lingua son o acento, o ritmo e a entoación.
O acento é o contraste entre sílabas tónicas ou fortes e átonas ou débiles, que se produce mediante a modulación do ton, a duración e a intensidade. Hai linguas nas que o acento recae nunha sílaba fixa (por exemplo, o francés, onde recae na última sílaba da palabra), mentres que noutras, como o español ou o inglés, o acento non ten unha posición fixa. O acento pode diferenciar significados, por exemplo en español dé (forma do verbo dar) e de (preposición), ou contribuír a diferenciar categorías de palabras, como en inglés abstract (con acento na primeira sílaba, refírese ao substantivo “resumo” ou ao adxectivo “abstracto”; con acento na segunda, refírese ao verbo “abstraer” ou “resumir”).
O ritmo é unha sensación perceptiva causada pola sucesión de determinados elementos (acentos, pausas ou patróns melódicos) en intervalos regulares de tempo. Por exemplo, o ritmo da cadea falada en inglés vén dado pola alternancia de sílabas fortes e débiles en aproximadamente os mesmos intervalos de tempo, como en “My brother’s pool is great”, onde as sílabas non acentuadas alternan coas acentuadas (pool, great e a primeira sílaba de brother).
Finalmente, a entoación é a liña melódica coa que se emite o discurso oral. Está formada pola variación de alturas ou frecuencias (vibracións das cordas vocais) coas que se pronuncian as sílabas que forman as palabras e oracións, e ten unha importante función comunicativa en tanto que pode expresar matices de significado. A entoación desempeña funcións gramaticais, xa que permite diferenciar entre oracións afirmativas (Imos ao cinema), interrogativas (Imos ao cinema?) e exclamativas (Imos ao cinema!). Tamén contribúe desde o punto de vista discursivo a regular as quendas de fala, e permite transmitir matices expresivos ou afectivos (medo, sorpresa, enfado, entusiasmo, etc.).
Existen outros trazos suprasegmentais como as pausas, a velocidade de elocución ou a calidade da voz.
Chela-Flores, B. 2003. “Optimizing the Teaching of English Suprasegmentals”. BELLS 12. <http://www.publicacions.ub.edu/revistes/bells12/articulos.asp?codart=31>
Gil Fernández, J. 2007. Fonética para profesores de español: de la teoría a la práctica. Madrid: Arco/Libros.