Tamén RAG.
Institución científica dedicada ao estudo e á promoción da lingua e a cultura galegas, e que desde a súa fundación conta entre os seus membros con grandes persoeiros do mundo da cultura e das letras galegas. Os antecedentes da Academia atópanse na Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida e presidida por Emilia Pardo Bazán no ano 1895 sobre a base da sociedade “Folklore Galego”. A Real Academia Galega constitúese oficialmente o 30 de setembro de 1906, tendo como presidente a Manuel Murguía e contando con corenta membros. Durante a primeira etapa da Academia (1906-1923) e baixo a presidencia de Murguía producíuse a definitiva mitificación da figura de Rosalía de Castro e comezou a publicación do “Boletín da Academia Galega”. Na segunda etapa (1923-1936), na que ocuparon a presidencia varios persoeiros como Andrés Martínez Salazar ou Eladio Rodríguez González, fúndase o Seminario de Estudos Galegos e noméanse como académicos de número a Alfonso Rodríguez Castelao e a Antón Villar Ponte. A Guerra Civil deu lugar a unha etapa de semiclandestinidade, durante a que a institución foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez-Risco y Macías (1960-1977). No ano 1963 a Academia propuxo a celebración do Día das Letras Galegas, no que se rende homenaxe a un persoeiro destacado pola súa creación literaria en lingua galega ou pola súa defensa do idioma. No ano 1972 a Academia fixou o actual deseño do escudo de Galicia, e máis adiante sería tamén en parte responsable do definitivo deseño da actual bandeira institucional. Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997) producíronse varios feitos importantes, entre eles o acordo entre a Academia e o Instituto da Lingua Galega (⇒ instituto da lingua galega) sobre as normas ortográficas e morfolóxicas do galego (1982), o recoñecemento á Academia como entidade normativizadora da lingua galega na Lei de Normalización Lingüística (1983), ou a creación dun seminario de lexicografía, que compilou o primeiro dicionario monolingüe da RAG, e doutro de sociolingüística que elaboraría o mapa sociolingüístico galego (⇒ mapa sociolingüístico de galicia (msg)). Durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) iníciase unha fase de apertura na que toman posesión dos seus cargos algúns académicos xa elixidos, e na que se nomean novos membros entre prestixiosos escritores e intelectuais. Ao actual presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, elixido en decembro do ano 2001, débeselle en gran medida o pulo que se lle deu ao proceso de informatización dos importantes fondos documentais da institución
Trasladada das dependencias municipais do Pazo de María Pita na Coruña, a Academia ten agora a súa sé na Rúa Tabernas da mesma cidade, onde conta con espazos para o arquivo de documentos e para a investigación. Nos últimos anos a institución incrementou de xeito importante a súa presenza pública e prestixio social. Actualmente organiza seminarios e cursos de verán, e ten convenios con outras institucións que permiten o desenvolvemento de proxectos de investigación e publicacións científicas. En xullo do 2003 a RAG aprobou a última revisión das normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega.
⇒ apéndice IV