Fasold, R. 1984. The Sociolinguistics of Society. Oxford: Blackwell.
Extensión do concepto de diglosia empregado con referencia á situación sociolingüística daquelas comunidades de fala cuxo repertorio lingüístico contén máis de dúas variedades lingüísticas que coexisten nunha distribución funcional compartimentada e gozan de niveis diferentes de prestixio. Cando o número de niveis é de tres, emprégase con frecuencia o termo triglosia. Este é o caso, por exemplo, de Nixeria, onde o inglés se emprega en todo o territorio nacional para as funcións de maior prestixio, mentres que as linguas autóctonas menos prestixiosas se empregan, xunto con formas pidginizadas de inglés, para a comunicación informal no ámbito local. Existe ademais un nivel intermedio, ocupado polas linguas hausa, igbo e yoruba, que funcionan como auténticas linguas francas para a comunicación interétnica en amplas rexións do país.