Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Consello da Cultura Galega

Definición:

Institución creada no ano 1983 mediante unha Lei do Parlamento de Galicia. Trátase dun órgano asesor con capacidade de investigación dedicado á defensa e á promoción dos valores culturais do pobo galego. Os seus membros son representantes de entidades (por exemplo, as universidades galegas, fundacións e institutos de investigación, a real academia galega, etc.) e persoeiros pertencentes a diversos eidos da cultura galega. Entre os principais obxectivos deste organismo atópanse o fomento da lingua e da cultura de Galicia, a preservación do patrimonio cultural, a promoción de actividades culturais co fin de achegar a cultura galega á cidadanía, ou a realización de tarefas de asesoramento dos poderes públicos da comunidade autónoma no eido cultural. Actualmente o Consello da Cultura Galega ten a súa sede no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela. O seu máximo órgano de goberno é o pleno, do que forman parte membros natos (o conselleiro de cultura) e membros elixidos, ben polas institucións participantes (universidades, Fundación Rosalía de Castro, Fundación Barrié de la Maza, instituto da lingua galega, real academia galega, etc.), ou ben polos propios membros do pleno (por exemplo, o presidente, o vicepresidente e o secretario, que forman a comisión executiva). Ramón Villares Paz é o presidente do Consello desde o ano 2006. Entre os proxectos que se están a desenvolver no Consello cómpre destacar o Arquivo da Emigración Galega, o Arquivo de Comunicación, ou o Arquivo Sonoro de Galicia. Estes proxectos pretenden recoller, preservar e difundir información e documentación impresa e sonora sobre o fenómeno migratorio, os medios de comunicación en galego, e o patrimonio musical de Galicia, respectivamente. Do Consello da Cultura Galega depende tamén o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), que leva a cabo tarefas de asesoramento en temas de normalización e planificación lingüística (⇒ planificación lingüística).

Entradas relacionadas: 
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/consello-cultura-galega, con data de acceso 03/12/2024).