Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Certificazione di Italiano come Lingua Straniera (CILS)

Definición:

O CILS é o título que acredita o grao de competencia comunicativa en italiano como lingua estranxeira. Outórgao a Universidade para Estranxeiros de Siena tras un exame que consta de cinco partes: audición, lectura, produción escrita, produción oral e análise de estruturas de comunicación. O Centro CILS da devandita universidade ten a responsabilidade científica e operativa da difusión, control e avaliación das probas de exame, nas que se verifica a capacidade de uso da lingua en situacións comunicativas e en distintos niveis de competencia. O CILS articúlase en catro niveis que corresponden a outros tantos graos de competencia: Intermedio-base (B1), Intermedio-superior (B2), Avanzado (C1) e Experto (C2). Actualmente estase a preparar un certificado básico pre-CILS para nenos, un certificado de italiano para o sector económico-comercial (CILS-EC) e unha versión de exame por vía telemática. Cada nivel CILS é autónomo e completo, e a certificación que se obtén tras superar a proba de nivel correspondente é tamén independente, de modo que para realizar as probas dun nivel non é necesario superar unha proba de nivel inferior. Ademais de coñecementos do idioma italiano, os exames para os distintos niveis requiren así mesmo duns coñecementos mínimos xerais da sociedade e da cultura europeas, nos que se enmarca Italia como comunidade xeográfica, histórica e cultural. O CILS é un certificado de recoñecemento internacional particularmente útil para emprender estudos superiores (o nivel mínimo requirido para inscribirse nunha universidade italiana é o Nivel dous) ou para levar a cabo actividades autónomas ou dependentes, xa sexa en Italia ou no exterior, para as cales se requira unha declaración oficial e garantida de coñecementos da lingua italiana. ⇒ Apéndice VI.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Certificazione di Italiano come Lingua Straniera (CILS)
Ruso: 
Сертификация итальянского как иностранного языка
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/certificazione-di-italiano-come-lingua-straniera-cils, con data de acceso 23/01/2025).