Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Atlas Lingüístico Galego

Definición:

Tamén ALGa.

O Atlas Lingüístico Galego é un proxecto que xurde pola necesidade de contar con información o máis detallada posible sobre a realidade lingüística do país, sobre o estado actual da lingua e sobre a súa evolución histórica. Para elaborar un atlas lingüístico adóitase empregar un sistema de enquisas (⇒ enquisa) que se subministran aos falantes do territorio que se desexa estudar. Os exploradores recompilan as respostas dos informadores, e os datos obtidos represéntanse graficamente en forma de cartografía lingüística, é dicir, mediante mapas para cada termo ou fenómeno sintáctico, morfolóxico ou fonético estudado.

A elaboración do ALGa está a cargo do instituto da lingua galega, coa colaboración financeira da Fundación Barrié de la Maza. Para o desenvolvemento do proxecto recorreuse nun principio aos estudos que se levaron a cabo en Galicia entre os anos trinta e os cincuenta para a elaboración do Atlas Lingüístico da Península Ibérica (ALPI), e empregáronse tamén os datos recollidos noutros proxectos como o Atlas Lingüístico de España e Portugal e o Atlas Linguarum Europae. Baixo a dirección de Constantino García e Antón Santamarina, téñense publicado ata o momento cinco volumes do Atlas dedicados a diferentes ramas da lingüística: Morfoloxía verbal (1990), Morfoloxía non verbal (1995), Fonética (1999), Léxico: tempo atmosférico e tempo cronolóxico (2003), e Léxico: o ser humano (I) (2005).

Os atlas lingüísticos son unha importante fonte de datos para a elaboración de traballos no eido da sociolingüística. No caso concreto do ALGa, a información recompilada resultou extremadamente valiosa para a realización de traballos sobre dialectoloxía e lexicografía, así como para a elaboración das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Froito deste proxecto son, por exemplo, a serie de artigos publicados por Fernández Rei a partir de 1980 sobre dialectoloxía galega.

⇒ instituto da lingua galega.

Entradas relacionadas: 
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/atlas-linguistico-galego, con data de acceso 15/10/2024).