Curran, C. 1976. Counseling-Learning in Second Languages. Apple River, Il: Apple River Press.
Enfoque global da aprendizaxe de linguas no que se basean métodos tales como a aprendizaxe da lingua en comunidade. A noción da aprendizaxe integral foi proposta por Charles Curran, autor que aplicou ao proceso de aprendizaxe ás teorías de Carl Rogers sobre o consello psicolóxico, dando lugar á denominada aprendizaxe mediante “consello psicolóxico” (en inglés, counselling learning).
A aprendizaxe de toda a persoa ou integral sostén que a auténtica aprendizaxe é á vez cognitiva e afectiva, e que ten lugar mediante situacións comunicativas de interacción docente-discente, nas que a relación entre ambos evoluciona de modo similar ao desenvolvemento ontoxénico do neno. Este desenvolvemento divídese en cinco etapas, que se corresponden con cinco fases de aprendizaxe e cinco fases de conflito afectivo: dependencia, autoafirmación, resentimento, tolerancia e independencia. A medida que o alumno-neno desenvolve as súas capacidades, vai aumentando tamén o seu grao de autoconfianza e a súa independencia do profesor-pai. Deste xeito, por exemplo, nas fases dúas e tres o alumno manifesta signos de independencia ao intentar comunicarse sen axuda e ao afirmar a súa identidade rexeitando consellos non solicitados. Na fase catro xa ten a suficiente seguridade en si mesmo como para aceptar críticas. Finalmente, do mesmo xeito que un neno se fai adulto, o alumno chega a compartir os coñecementos do profesor e pode converterse á súa vez en profesor doutro alumno. A aprendizaxe integral dunha lingua é, xa que logo, unha experiencia global equiparable ao crecemento e evolución dunha persoa, con todas as súas dificultades e retos, cuxa clave radica nunha concepción da relación profesor-alumno na que ámbolos dous participan de modo activo como individuos completos, isto é, tanto intelectual como afectivamente.