Gallego Arrufat, M. J. & Gutiérrez Santiuste, E. 2011. "Analizar la comunicación mediada por ordenador para la mejora de procesos de enseñanza-aprendizaje". Profesorado. Revista de Currículum y Formación de Profesorado 15/1: 23-39.
En contextos de comunicación por computador (chats, foros, correo electrónico, etc.) no ámbito educativo, a presenza social refírese á “capacidade dos aprendices de proxectarse socialmente e afectivamente nunha comunidade de indagación” (Rourke et al. 1999). No modelo da “comunidade de investigación”, central no ensino superior, discentes e docentes colaboran na construción dunha aprendizaxe profunda e significativa, no que a comunicación por computador actúa como importante facilitador. Segundo o modelo de Rourke et al. (1999), son tres os alicerces dunha comunidade de investigación deste tipo: presenza cognitiva, presenza docente e presenza social. As manifestacións de presenza social son moi abundantes na comunicación por computador en ámbitos educativos, no que algúns describen como un estilo comunicativo “hiperpersonal”, probablemente para compensar a ausencia de xestos e voz. Algúns especialistas (Rourke et al. 1999, Swan 2002) propuxeron unha taxonomía de marcadores de presenza social que incluiría tres tipos de expresións: 1) respostas afectivas, que implicarían a expresión de sentimentos, por exemplo, a través de emoticonos, o uso do humor e as confesións persoais; 2) respostas interactivas, ou expresións de atención, por exemplo, citar a contribución doutros participantes ou expresar recoñecemento ou encomio das intervencións ou do traballo doutros; e 3) respostas cohesivas, que reforzan a cohesión ou o sentido de grupo, entre as que se incluirían o uso de elementos fáticos, saúdos, vocativos ou pronomes inclusivos (nós). Todos estes marcadores de presenza social son vitais para a consecución dos obxectivos cognitivos e afectivos da aprendizaxe no sentido de que promoven, sosteñen e facilitan o pensamento crítico, á vez que proporcionan unha experiencia comunicativa máis atractiva e gratificante.
Marmon, M. (ed.) 2018. Enhancing Social Presence in Online Learning Environments. Hershey, PA: IGI Global.
Rourke, L.; Anderson, T.; Garrison, R. & Arche, W. 1999. "Assessing social presence in asynchronous text-based computer conferencing". Journal of Distance Education 14/2: 50-71.
Swan, K. 2002. "Building learning communities in online courses: The importance of interaction". Education, Communication & Information 2/1: 2-49.
Whiteside, A. L.; Dikker, A. G. & Swan, K. (eds.) 2017. Social presence in online learning. Quicksilver, VA: Stylus Publishing.