Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Modalidade

Definición:

Categoría semántica que expresa a actitude do falante ante a realización dun evento e/ou ante o seu interlocutor (obrigatoriedade, posibilidade, probabilidade, necesidade, desexo, permiso, etc.). Eses matices semánticos exprésanse en cada lingua mediante categorías morfológicas, léxicas, sintácticas, a entoación, etc., algunhas das cales non transmiten exclusivamente contidos modais. En inglés, os contrastes de modalidade poden establecerse mediante verbos modais (can, must, should, may, etc.), que comparten unha serie de trazos morfolóxicos que os distinguen do resto dos verbos (non teñen a terminación en -s, e carecen de formas non finitas). Ademais dos verbos modais, poden empregarse outras categorías léxicas para expresar modalidade: adverbios (maybe, surely), adxectivos (likely, improbable), substantivos (chance, doubt), etc. Nas linguas romances tamén se utilizan as distincións de modo verbal (indicativo, subxuntivo).

Bibliografía: 

Halliday, M. A. K. 1994. An Introduction to Functional Grammar. London: Edward Arnold. 2nd edition.

Lyons, J. 1968. Introduction to Theoretical Linguistics. Cambridge: Cambridge University Press.

Nos estudos de gramática do español, vense utilizando o termo modalidade oracional para referirse á actitude subxectiva do falante con respecto ao contido da oración. Así, por exemplo, a Gramática española de Marcos Marín et al. (1998) establece unha distinción entre:

  1. modalidade representativa, que engloba ás oracións declarativas;
  2. modalidade expresiva, á que se adscriben as oracións exclamativas, desiderativas, dubitativas e de probabilidade; e
  3. modalidade apelativa, que inclúe as oracións exhortativas e interrogativas enunciativas, exclamativas, de posibilidade, dubitativas, interrogativas, desiderativas e exhortativas.

De xeito similar, na Gramática da Lingua Galega de Álvarez e Xove (2002), contémplanse os seguintes tipos de modalidade, opostas polo modo verbal, pola entoación e por elementos lingüísticos particulares:

  1. aseverativa;
  2. interrogativa;
  3. imperativa;
  4. desiderativa; e
  5. exclamativa.
Bibliografía: 

Marcos Marín, F.; Satorre Grau, F.J. & Viejo Sánchez, M.L. 1998. Gramática española. Madrid: Síntesis.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Modalidad
Inglés: 
Modality
Francés: 
Modalité
Alemán: 
Modalität
Italiano: 
Modalità
Polaco: 
Modalność
Portugués: 
Modalidade
Ruso: 
Модальность
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/modalidade, con data de acceso 14/11/2024).