Myers-Scotton, C. 1993. Duelling Languages. Grammatical Structure in Codeswitching. Oxford: Clarendon Press.
Tamén denominada lingua base.
Algúns especialistas no fenómeno da alternancia de códigos consideran pertinente asignar unha función dominante a unha das linguas que interveñen naqueles enunciados con cambios de código no interior dunha mesma oración (alternancia intraoracional ou mestura de códigos). Esa lingua, que denominan lingua matriz, é a que proporciona os morfemas sintacticamente relevantes (artigos, posesivos, morfemas de tempo, aspecto, etc.) e a que establece as condicións morfosintácticas que regulan en que puntos da estrutura é posible un cambio de código e cal é a orde aceptable dos morfemas. Así, por exemplo, a frase the BLANCA house, con alternancia inglés-español, sería aceptable, pois a lingua base é o inglés e a posición pre-nominal do adxectivo é a correcta; a alternativa la WHITE casa non sería, sen embargo, aceptable porque neste caso a lingua base é o español e a anteposición do adxectivo non cumpriría coas súas condicións morfosintácticas. Myers-Scotton (1993) suxire varios criterios independentes da estrutura lingüística para establecer cal é a lingua matriz nun caso determinado:
- a lingua matriz tende a ser aquela na que o falante posúe un grao maior de dominio (criterio psicolingüístico);
- é a lingua que na comunidade de fala en cuestión é a menos marcada (é dicir, a que se empregaría normalmente) no tipo de interacción específico no que aparece a mestura de códigos (criterio sociolingüístico);
- é, ademais, a que achega unha proporción maior de morfemas (criterio de frecuencia).