Moulton, W. 1962. “Toward a Classification of Pronunciation Errors.” Modern Language Journal 46: 101-109.
Tipo de erro de produción debido á interferencia da L1 que afecta á pronuncia. Poden distinguirse catro tipos diferentes segundo a taxonomía de Moulton (1962):
- fonémicos, causados polas diferenzas entre os inventarios fonémicos de dúas linguas (por exemplo, un falante galego que substitúe a /y/ do francés pola /u/ galega e, xa que logo, non distingue en francés entre poule /pul/ e pull /pyl/ comete este tipo de erro);
- fonéticos, derivados das diferenzas na realización fonética dunha determinada unidade distintiva (por exemplo, /t/ e /d/ son dentais en galego e español pero alveolares en inglés, polo que moitos aprendices galegos pronuncian estes fonemas ingleses como dentais);
- alofónicos, derivados das diferenzas na distribución dos alófonos dunha unidade distintiva determinada (por exemplo, en inglés británico estándar as oclusivas xordas /p/, /t/, /k/ realízanse por medio de alófonos aspirados cando van en posición inicial de sílaba e por medio de alófonos non aspirados cando van precedidas de /s/; os falantes de español ou galego tenden a empregar, cando falan inglés, variantes non aspiradas en todos os contextos, xa que tanto en español como en galego non existen os alófonos aspirados); e
- distribucionais, aqueles derivados das diferentes posibilidades de combinar os fonemas en cada lingua (por exemplo, a diferenza do alemán, nin en español nin en galego é posible combinar /t/ e /s/ ao comezo dunha sílaba, polo que os aprendices de alemán que teñen o galego ou o español como L1 tenden a simplificar o grupo inicial /ts/ en palabras como zehn /tse:n/ e dicir /se:n/).
Bibliografía:
Odlin, T. 1989. Language Transfer. Cambridge: Cambridge University Press.