Cook, V. J. 1988. Chomsky’s Universal Grammar: An Introduction. Oxford: Blackwell.
Modelo gramatical desenvolvido por Noam Chomsky a través de diversos traballos publicados a partir de 1981, en particular Lectures on Government and Binding (1981), Knowledge of Language (1986) e Barriers (1986). A expresión rección e ligamento recolle dous dos principais subsistemas de principios dos que se compón a teoría e que rexen respectivamente a relación entre o núcleo dunha construción e as categorías que dependen del (rección) e as relacións de correferencia entre as categorías nominais da oración e os seus posibles antecedentes (ligamento). A denominación principios e parámetros coa que tamén se coñece esta proposta alude a un dos seus postulados fundamentais, a saber, que gran parte do coñecemento que un falante nativo posúe da súa propia lingua é innato e forma parte dunha gramática universal constituida por unha serie de principios comúns a tódalas linguas naturais e unha serie de propiedades ou parámetros que varían dunhas linguas a outras dentro duns límites claramente establecidos.
Desde o punto de vista da aprendizaxe dunha segunda lingua, os investigadores que traballan dentro deste marco tentan determinar en que medida os aprendices dunha L2, sobre todo os adultos, posúen acceso directo á gramática universal, acceden a ela de xeito indirecto a través da súa L1, ou se en realidade carecen de acceso a ela e teñen que adquirir a nova lingua facendo uso doutras capacidades cognitivas.