Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Sección(s) bilingüe(s)

Definición:

No ano 2007, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, seguindo o exemplo doutras comunidades autónomas, regulou mediante a correspondente Orde a unificación de dous plans educativos de ensino bilingüe que se estaban a desenvolver de xeito experimental desde o ano 1999: as denominadas seccións europeas (en educación secundaria e formación profesional) e as aulas bilingües (en educación primaria). Ambos os plans tiñan como obxectivo a mellora da formación do alumnado no coñecemento das linguas estranxeiras mediante o estudo de materias non lingüísticas en dúas linguas: galego/castelán e unha lingua estranxeira. Este proxecto común, que se leva cabo en centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos, denominouse Plan de Seccións Bilingües. Una sección bilingüe consiste, polo tanto, na organización do ensino dunha materia non lingüística no período de educación non universitaria de tal xeito que se cursa cun grupo de alumnos de forma bilingüe: é dicir, no caso de Galicia, en galego ou castelán e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea. O obxectivo fundamental da sección bilingüe é reforzar a aprendizaxe da lingua estranxeira incorporándoa como vehículo de comunicación na aula e procurando a adquisición de terminoloxía específica. Os centros que desexan contar con seccións bilingües teñen que presentar un proxecto dentro do prazo establecido na convocatoria. O devandito proxecto é sometido a avaliación, autorización e seguimento por parte da autoridade educativa autónoma correspondente.

Algunhas particularidades das seccións bilingües son, por exemplo, as que seguen:

  1. existe un número máximo de seccións bilingües por centro, e un número mínimo de alumnos por sección;
  2. a participación dos alumnos precisa da autorización por escrito dos pais ou tutores legais;
  3. o centro debe garantir a continuidade da sección bilingüe ao longo de toda a etapa educativa correspondente;
  4. o alumnado que participa nas seccións bilingües en educación secundaria e posterior pode recibir clases de reforzo da lingua estranxeira que corresponda como ampliación do seu horario lectivo;
  5. o departamento de lingua estranxeira do centro debe coordinarse co profesor da materia non lingüística e proporcionar apoio aos alumnos e aos profesores implicados. Isto farase a través da figura do coordinador, que será un docente de lingua estranxeira do departamento;
  6. para proceder á avaliación do alumnado en relación ás competencias lingüísticas, o profesorado da materia non lingüística recibirá o apoio do profesorado especialista. A cualificación positiva nunha materia da sección bilingüe reflectirase nunha credencial que constará no expediente ou libro de escolaridade do alumnado;
  7. o profesorado participante ten que acreditar a súa competencia comunicativa na lingua estranxeira, e comprométese a participar en actividades de formación, e a elaborar programación e materiais, así como unha memoria final;
  8. o profesorado participante ten dereito a reduccións horarias, e prioridade en convocatorias para estadías no estranxeiro (⇒ programa PALE)

Ademáis de mellorar as capacidades comunicativas no idioma estranxeiro, as seccións bilingües comportan outras vantaxes para o alumnado: por exemplo, contribúen á mellora das capacidades cognitivas para a aprendizaxe de linguas, ao desenvolvemento de estratexias de aprendizaxe, e ao aumento dos coñecementos sobre aspectos socioculturais dos países nos que se fala a lingua estranxeira. Por outra banda, as consellerías das comunidades autónomas outorgan prioridade aos centros con seccións bilingües para participar en programas de intercambio ou dispor de auxiliares nativos de conversación.

⇒ ensino de linguas estranxeiras baseado en contidos

Entradas relacionadas: 
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/seccions-bilingues, con data de acceso 09/10/2024).