Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

CELGA

Definición:

Acrónimo do galego equivalente a “Certificado de lingua galega”. Trátase dun sistema de certificación de coñecementos da lingua adaptado ao marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación e mais aos estándares da ALTE, a “Asociación de avaliadores de linguas europeas”, e que pretende a integración do galego no sistema de certificación linguística das principais linguas de Europa. Este novo sistema de acreditación adapta as competencias no uso da lingua galega aos estándares europeos, substituíndo aos cursos de Lingua Galega Oral, Iniciación e Perfeccionamento que se realizaban ata o momento. O Celga consta de cinco niveis de coñecemento, que abranguen contidos comunicativos, socioculturais e relativos ao correcto uso do código, coas seguintes características e equivalencias:

  1. O Certificado de Lingua Galega 1 (Celga 1) acredita a competencia lingüística que se precisa para satisfacer as necesidades comunicativas básicas. Corresponde ao nivel A2 do Marco europeo común e ao nivel 1 da ALTE.
  2. O Celga 2 acredita a competencia requerida para participar nunha maior variedade de situacións comunicativas, e corresponde ao nivel B1 do Marco europeo común e ao nivel 2 da ALTE.
  3. O Celga 3 acredita a capacidade para o emprego da lingua cun alto grao de corrección normativa e equivale ao nivel B2 do Marco europeo común e ao nivel 3 da ALTE.
  4. O Celga 4 garante unha competencia no uso da lingua que permite o intercambio fluído e espontáneo na meirande parte das situacións comunicativas. Corresponde ao nivel C1 do Marco europeo común e ao nivel 4 da ALTE.
  5. Para rematar, o Celga 5 acredita a competencia suficiente para desenvolverse sen dificultades e con corrección en calquera tipo de situación comunicativa, tanto formal como informal. Este nivel equivale ao C2 do Marco europeo común e ao 5 da ALTE.

O Celga entrou en vigor o 1 de setembro de 2007, e a partir de 2008 haberá dúas convocatorias anuais de exames. Polo que respecta ás validacións, os cursos de aptitude de lingua galega (oral, iniciación e perfeccionamento), equivalen aos Celga 1, 3 e 4 respectivamente. O Celga 1 equivale tamén ao Certificado do Curso Elemental de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros, ao do Curso de Lingua Galega para Non Galego Falantes, e mais ao Certificado do Nivel Básico dos Estudos de Galego da UNED. O Celga 2 valida o título de graduado escolar se se cursou lingua galega en toda a EXB, o certificado do Curso de Nivel Medio de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros, e mailo nivel medio de galego da UNED. O Celga 3 valida o título de graduado en ESO ou FP1 se se estudou lingua galega en tódolos cursos, así como o certificado do Ciclo Inicial de Galego que expiden as Escolas Oficiais de Idiomas. O Celga 4 valida o título de bacharelato (LOXSE ou BUP) ou FP2 nas condicións anteriormente expostas, así como a certificación do Curso de Especialización en Lingua Galega para profesores de EXB. Finalmente, o Celga 5 equivale ao título de licenciado en Filoloxía Galega ou Hispánica (subsección de galego-portugués), a calquera outro título de licenciatura, diplomatura ou equivalente se se acompaña de certificación de posuír o Celga 4 e de ter cursado alomenos 18 créditos de Lingua Galega, e ao Certificado do Ciclo Superior de Galego das Escolas Oficiais de Idiomas.

Entradas relacionadas: 
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/celga, con data de acceso 04/10/2024).