Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Psicoloxía Gestalt

Definición:

Teoría que estuda a conduta humana e os contidos do pensamento como un todo indiviso. Deste xeito, os psicólogos Gestalt cren que non se pode comprender unha resposta determinada a unha situación por parte de alguén como unha mera combinación de respostas a un conxunto de estímulos independentes, senón que debe estudarse como unha resposta global a unha situación global. Igualmente, consideran que o pensamento non está formado por un conxunto de partes que se suman de xeito consciente, senón que consiste nun todo unitario no que os estímulos externos se perciben e organizan como conxuntos ou estruturas ordenadas. Só a partir da comprensión dos estímulos como un todo cunha estrutura compréndense as partes nas que se dividen os devanditos estímulos.

A Psicoloxía Gestalt é unha aproximación global que se opón á aproximación atomista defendida por diversos psicólogos experimentalistas. Xorde en Alemaña como resultado dunha serie de cambios sociais, políticos e científicos que se producen no ámbito académico entre 1890 e 1960. Os principais estudosos que desenvolveron esta teoría foron Max Wertheimer, Wolfgang Köhler e Kurt Koffka.

Bibliografía: 

Ash, M. G. 1995. Gestalt Psychology in German Culture, 1890-1967. Cambridge: Cambridge University Press.

Miller, G. A. 1962. Psychology: The Science of Mental Life. Harmondsworth: Penguin.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Psicología Gestalt
Inglés: 
Gestalt psychology
Francés: 
Psychologie Gestalt
Alemán: 
Gestaltpsychologie
Italiano: 
Psicologia Gestalt
Portugués: 
Psicologia gestaltista
Ruso: 
Гештальт-психология
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/psicoloxia-gestalt, con data de acceso 25/04/2024).